
Hoxe almorzamos xuntas Denise e eu. A verdade é que tiñamos unha cita pendente e estame poñendo ao día.
Cóntame que despois de morrer seus pais chegou a París con Jean e Pepé, os seus irmáns, para gañarse a vida; tamén que foron directos a ver ao seu tío para que a empregase como dependenta no comercio familiar, “O Vello Elbeuf”.
Está a falarme de que fica triste pois en París pasa o mesmo que nos Mallos ou a Gaiteira: o pequeno comercio pasa por mal momento, agora compiten cos grandes almacéns, no caso de Denise, cuns que se chaman “O Gozo das Damas”.
Eu xa lle digo que na nosa cidade provinciana pasa o mesmo que na zona norte da Ópera de París: o comercio de barrio loita contra as moles que nos constrúen cada certos tempo e que despois deixan caer en desgraza por construír outro mamotreto máis grande; coméntolle tamén que aquí está demodé chamarlles grandes almacéns, pois demos un paso máis, agora chámanse centros comerciais.
Denise mírame pasmada e coméntame que é horrible a ruína á que condenamos aos barrios ao crear cidades exclusivamente para o turismo, pouco vivibles, centradas máis no de fóra que no sentimento de comunidade.
Cóntame que, para a súa desgraza, viuse obrigada a traballar en «O Gozo das Damas», con gran desgusto da súa familia…
Estou a contarlle que non se preocupe, que moitas veces para sobrevivir hai que formar, aínda que sexa temporalmente, parte do sistema…o caso é saber utilizalo para dinamitalo desde dentro.
Como nos estamos poñendo algo revolucionarias imos parar un pouco a beber café e ler, aínda que pensándoo ben, ese foi o inicio de todas as miñas revolucións persoais.
Ler é isto, queridas, falar con alguén do París de 1883…